Xurxo Mariño Alfonso

Xurxo Mariño Alfonso

Xurxo Mariño Alfonso

Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña (na actualidade en excedencia).

Membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Especializado en neurofisioloxía, forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais. Ten publicado traballos de investigación en revistas especializadas e colaborado co Massachusetts Institute of Technology (MIT), onde desenvolveu as súas investigacións de posdoutoramento.

O seu traballo de investigación en neurofisioloxía céntrase no estudo dos mecanismos sinápticos de distintas vías sensoriais a nivel talámico e pretalámico, na interacción tálamo-cortical e no regulamento dos niveis de actividade encefálica global no ciclo sono-vixilia. Paralelamente, ten desenvolvido software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxico, e colaborado no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise.

Realiza múltiples actividades de divulgación do coñecemento científico, procurando ademais a interacción co mundo das humanidades. Ten publicado os libros “Os dados do reloxeiro. Ciencia amena para mentes inquietas”(Consello da Cultura Galega, 2005), “Po de estrelas” (Consello da Cultura Galega, 2008), “Neurociencia para Julia” (Laetoli, 2012), “Terra. Ciencia, sorpresas e aventuras dunha viaxe arredor do mundo” (Xerais, 2017) e “El misterio de la mente simbólica. Cerebro, lenguaje y evolución” (EMSE-El País, 2018). Colabora, entre outros, co portal de divulgación Naukas.com; ten organizado os “Café-teatro-científicos”, unha actividade divulgativa que leva a ciencia ata os bares; e desenvolveu outras actividades de divulgación como os “Discurshows” –mestura de charla e teatro–, ou os “monólogos” do espazo de ciencia e tecnoloxía da TVG “Conexións”.

No ano 2011 levou o Premio Especial do Xurado do “I Certamen FECYT de Comunicación Científica”, e en 2014 o Premio Tesla de Divulgación. En 2017 foille concedido o premio Lois Peña Novo. No ano 2018 foille concedido o premio da modalidade de “Divulgación” na Gala do Libro Galego, polo libro “Terra”, obra que tamén levou unha mención honorífica nos premios PRISMA 2018 dos Museos Científicos Coruñeses.