María Pardo Pérez

María Pardo Pérez

MARÍA PARDO PÉREZ

Líder do Grupo Obesidómica, Investigadora do Sistema Nacional de Salud Miguel Servet

Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Servicio Galego de Saúde (SERGAS)

Hospital Clínico Universitario de Santiago

maria.pardo.perez@sergas.es/maruxapardo@hotmail.com

Breve CV:

Licenciada en Bioloxía Fundamental (1997) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Doutora en Bioloxía pola USC en 2003. No ano 2006 regresei a España despois de 3 anos de experiencia post-doutoral na Universidade de Oxford (UK) para formar o meu propio Grupo de investigación no Hospital Clínico Universitario de Santiago; dende 2011 como Grupo Emerxente do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago-IDIS (Acreditado polo ISCIII). Dende entón establecín unha serie de liñas de investigación dirixidas á identificación de novos sinais liberados polo tecido adiposo e o muscular dentro do contexto da obesidade. O obxetivo principal baséase en atopar sinais protectores liberadas polo músculo ó facer exercicio, e novas dianas terapéuticas procedentes do tecido graxo, como tecido máis abundante no desenvolvemento desta enfermidade. Nos últimos anos centreime no estudo da nova proteína FNDC5/irisin. O noso grupo foi o primeiro en descubrir a súa secreción a partires da graxa branca, describir o aumento inesperado co exceso de peso e polo tanto suxerir a resistencia a esta hormona anti-obesidade. Neste momento traballo no estudo dos exosomas como nova vía de comunicación do tecido adiposo e a súa participación no desenvolvemento da obesidade. Dende o meu regreso a España, logrei tres contratos de Investigadora senior en convocatorias competitivas (Programa Parga Pondal-Xunta de Galicia, Programa Miguel Servet I e Miguel Servet II). Como Líder dun Grupo Emerxente no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (ISCIII) son autora de 50 publicacións, e dirixín 5 teses doutorais, 4 proxectos de investigación do Plan Nacional (ISCIII), e 2 de entidades privadas (Fundación Mutua Madrileña/Merk-Serono); participei nunha Guía de Práctica Clínica e posúo unha patente (2017). Son patroa da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) e pertenzo ó Comité Consultivo Externo da Fac. de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

A obesidade constitúe na actualidade o maior problema sanitario a nivel mundial adquirindo dimensións epidémicas ó afectar o 13% da poboación adulta; estímase que a este ritmo podería alcanzar un 20% no 2025. En concreto, estudos recentes indican unha prevalencia de obesidade en España do 22,9% e de sobrepeso do 39,4%, e é o segundo país da Unión Europea, detrás de Malta, coa maior porcentaxe de nenos obesos ou con sobrepeso entre os 7 e os 11 anos.

A obesidade é unha enfermidade que debe ser tratada como tal, xa que está asociada a patoloxías cardiovasculares ou a diabete tipo 2 entre outras, e a outras menos coñecidas como o desenvolvemento de varios tipos de cancro. Baixo este contexto, é necesario un mellor coñecemento dos factores que participan no seu desenvolvemento, xa que ata a data non existen tratamentos suficientemente efectivos. A graxa, o tecido adiposo,xoga un papel primordial na obesidade dada a súa capacidade de actuar como un órgano endócrino liberando sinais implicados na regulación metabólica. Moitos dos sinais liberados, denominados adipoquinas, están agora ben establecidos e sábese que permiten ó texido adiposo comunicar ó estado metabólico a outros tecidos a nivel periférico (fígado, páncreas, músculo..) e a nivel central ás áreas reguladoras do apetito no cerebro. Na obesidade, viuse que estes sinais se encontran alterados ou deixan de ser funcionais,e o exceso de acumulación de enerxía non é percibido polo organismo, que continúa a acumular cada vez máis enerxía.

No Grupo Obesidómica do IDIS, centramos as nosas investigacións no estudo dos sinais liberados pola graxa e como varían en función do tipo de depósito, e no desenvolvemento da obesidade co fin de encontrar novas dianas terapéuticas para esta enfermidade. En concreto, estudamos as proteínas e vesículas liberadas polo distintos tipos de graxa que obtemos de pacientes obesos sometidos a ciruxía bariátrica (ciruxía de redución de estómago), e como estes sinais participan no desenvolvemento das enfermidades asociadas como a diabete e o cancro.