María de la Fuente Freire

María de la Fuente Freire

María de la Fuente Freire, licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC, 2001), realizou a súa Tese Doutoral no Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na mesma institución (2001-2006), na área de nanomedicina e terapia xénica. Durante esta etapa, foi beneficiaria de dúas bolsas de formación predoutoral, en primeiro lugar da Xunta de Galicia (2001-2002), e de seguido do Ministerio de Educación, bolsa FPU (2002-2006). Realizou ademais dúas estancias de investigación, no Instituto de Oftalmoloxía Aplicada da Universidade de Valladolid (IOBA, 2003), e na Universidade de Kuopio, Finlandia (2004).Os resultados da súa tese doutoral deron lugar á obtención do doutoramento con acreditación de Doutoramento Europeo, e o seu traballo foi galardoado co Premio á Mellor Tese Doutoral “III SPLC-CRS and Eudragit Ph.D. Thesis Award”. Ademais, xerou varias patentes que formaron parte da propiedade intelectual que deu lugar á fundación da división de nanomedicina de Advancell S.L., no ano 2004. A súa formación postdoutoral iniciouse na USC (2006-2007), no marco dun proxecto dirixido á inhibición de procesos de invasión e metástase, mediante a aplicación da terapia xénica e nanotecnoloxía. Ó finalizar este proxecto, trasladouse a Londres (School of Pharmacy, University College of London, 2007-2011), participando no desenvolvemento preclínico de nanomedicamentos, e na avaliación de novas dianas e moléculas terapéuticas, para o tratamento de tumores caracterizados pola súa alta agresividade (2007-2010). Ademáis, entre o 2008-2010 foi adxudicataria dunha bolsa postdoutoral por parte da Fundación Alfonso Martín Escudero. O seu retorno a España correu da man da Asociación Española Contra o Cancro, ó resultar beneficiaria dun Contrato para Investigadores en Oncoloxía na convocatoria do ano 2010.

No ano 2013, a Dra. de la Fuente logrou, mediante concorrencia competitiva, un contrato Miguel Servet, cofinanciado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), cuxa finalidade é incorporar doutores e as súas liñas de investigación translacional a hospitais públicos, e estableceu a Unidade de Nano-Oncoloxía, integrada no Grupo de Oncoloxía Médica Translacional (ONCOMET) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). A actividade científica da Dra. de la Fuente resúmese en cinco patentes, máis de 40 publicacións en revistas de alto impacto, capítulos de libro, e máis de 80 contribucións a congresos. Ó longo dos últimos 5 anos, supervisou 3 Teses Doutorais e na actualidade supervisa 9 Teses Doutorais, dúas das cales enmárcanse dentro dun programa Europeo, European Joint Doctorate in Nanomedicine and Pharmaceutical Innovation.

O principal obxectivo da Unidade de Nano-Oncoloxía do IDIS é desenvolverr novas estratexias terapéuticas e novas ferramentas de diagnóstico, baseadas na aplicación da nanotecnoloxía, para facer fronte ó cancro, atacando o proceso de metastasis. Con este fin, dirixe varios proxectos de investigación e forma parte do equipo doutros, tanto a nivel nacional como internacional.