Emilio Fernández Suárez

Emilio Fernández Suárez

Iniciou a súa actividade investigadora na Universidade de Oviedo, onde se doutorou en Bioloxía obtendo o premio extraordinario. Realizou traballos pos-doutorais no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido e no Rosenstiel School of Marine and Atmospheric Sciences de EEUU. Incorpórase ao Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e posteriormente accede a unha praza de Profesor Titular de Ecoloxía na Universidade de Vigo. Dende 2011 é Catedrático de Ecoloxía desa Universidade.A súa carreira investigadora centrouse no ámbito da Ecoloxía Marina, en particular, no estudo das respostas dos ecosistemas aos cambios ambientais de escala global. Os resultados que surxiron destas investigacións recóllense en máis de 146 traballos publicados, 112 deles en revistas de prestixio internacional incluídas no “Scientific Citation Index”. Estes traballos citáronse en máis de 3500 ocasións, o que conduce a un índice H de 35.

A actividade de formación de investigadores concrétase na dirección de 22 Teses de Máster, 7 Teses de Licenciatura e de 9 Teses Doutorais. Catro destas teses doutorais obtiveron o premio, extraordinario. Participou en comisións de expertos para a selección de proxectos de investigación tanto na Xunta de Galicia como no Ministerio de Educación e Ciencia e participou como membro da Comisión de Selección do Programa Marco da UE no ámbito do cambio global. Forma parte de Comités de Avaliación Externa de Centros de investigación internacionais. Na actualidade é Xestor do “Programa de Ciencias e Tecnoloxías Mariñas” do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica y de Innovación.Desenvolveu unha intensa actividade de participación en redes de investigadores, así como de representación internacional. Foi membro do SOLAS Planning Group do IGBP/SCOR e posteriormente coordinador do grupo de traballo SOLAS-España. Así mesmo, foi membro do JGOFS North Atlantic Synthesis and Modelling Group del IGBP/SCOR e membro do comité de Ecosistemas Mariños do Comité IGBP-España. Foi membro do Comité Español de Investigación do Cambio Global (CEICAG) constituído polo Ministerio de Educación e Ciencia. Actuou como representante nacional, nomeado polo McyT, no Comité executivo do Scientific Comittee for Oceanographic Research (SCOR).Foi Vicedecano da Facultade de Ciencias do Mar e ocupou o cargo de Director Xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. Este departamento posuía competencias en investigación e observación ambiental, calidade de augas e avaliación ambiental estratéxica de plans e programas. Unha das liñas centrais foi a elaboración e posta en marcha do Plan Galego de Loita contra o Cambio Climático, campo no que adquiriu una ampla visión dos aspectos relacionados coa mitigación e adaptación a escala rexional, estatal e internacional, ao actuar como membro da delegación de España nos cumios mundiais sobre cambio climático de Montreal (2005), Nairobi (2006), Bali (2007) e Poznan (2008). É de especial relevancia neste contexto a elaboración e publicación en 2009 do libro “Evidencias e impactos do cambio climático en Galicia” que, impulsado dende a dirección Xeral, recolle o coñecemento existente ao respecto na Comunidade Autónoma.Compre destacar o seu papel como coordinador científico do proxecto Climatlantic “Local and regional actions for carbon footprint reduction”, liderado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e financiado polo European Atlantic Area.Participou como relator en máis de 40 xornadas, congresos ou conferencias centrados na problemática do Cambio Climático.Na actualidade, compatibiliza a súa actividade investigadora e docente coa dirección do Campus de Excelencia Internacional “Campus do Mar”.